miércoles, 19 de septiembre de 2018

FILOSOFÍA / CIENCIA / RELIXIÓN

lunes, 18 de septiembre de 2017

CONTOS FILOSÓFICOS

En parellas, elexide un conto e logo de lelo con atención de maneira individual redactade no caderno, tamén de modo individual, o significado que para vós pode conter. Finalmente, compartide a vosa reflexión e redactade un novo texto que recolla ambas aportacións.

CONTO 1 / A LECCIÓN.

Un home de negocios norteamericano estaba no embarcadoiro dunha viliña costeira de México cando chegou unha barca cun só tripulante e varios atúns moi grandes.
O norteamericano felicitou o mexicano pola calidade do peixe e preguntoulle canto tempo tardara en pescalo.
O mexicano replicou:
 Oh! Só un momentiño.
Entón o norteamericano preguntoulle por que non quedara máis tempo para coller máis peixes.
O mexicano dixo que xa tiña suficiente para as necesidades da súa familia.
O norteamericano volveu preguntar:
 E que fai vostede entón co resto do seu tempo?
O mexicano contestou:
- Durmo ata tarde, pesco un pouco, xogo cos meus fillos, durmo a sesta coa miña muller, vou cada tarde ao pobo a tomar unhas copas e a tocar a guitarra cos amigos. Teño unha vida plena e ocupada, señor.
O norteamericano dixo con ton burlón:
- Son un graduado de Harvard e poderíalle botar unha man. Debería dedicar máis tempo á pesca e coas ganancias comprar unha barca máis grande. Cos beneficios que lle reportaría unha barca máis grande, podería comprar varias barcas. Co tempo, podería conseguir unha flotilla de barcas de pesca. En vez de vender a súa captura a un intermediado, poderíalla vender ao almacenista; mesmo podería chegar a ter a súa propia fábrica de conservas. Controlaría o produto, o proceso industrial e a comercialización. Tería que irse desta aldea e mudarse a Cidade de México, logo a Los Ángeles e finalmente a Nova York, onde dirixiría a súa propia empresa en expansión.
- Pero señor, canto tempo tardaría todo iso?
- De quince a vinte anos.
- E logo que?
O norteamericano soltou unha gargallada e dixo que iso era a mellor parte:
- Cando chegue o momento oportuno, pode vender a empresa en bolsa e facerse moi rico. Gañaría millóns.
- Millóns, señor? E logo que?
- Logo poderíase retirar. Irse a un pequeno pobo costeiro onde podería durmir ata tarde, pescar un pouco, xogar cos seus netos, facer a sesta coa súa muller e irse de paseo ao pobo polas tardes a tomar unhas copas e tocar a guitarra cos seus amigos.

- Ben, pero iso é o que fago agora señor Por que teño que esperar vinte anos?

CONTO 2 / O SILENCIO DA NOITE.

Nalgún lugar de Arabia, un mestre e o seu discípulo camiñaban paseniño por un socalco, en plena noite:
De súpeto o discípulo dixo a media voz:
-Que silencio...
-Non digas: "Que silencio" -aconselloulle o mestre-. Di: "Non oio nada".

CONTO 3/ O CEO DO PARDAL.

Esta é unha historia turca.
Había un pardal minúsculo que, cando retumbaba o trono da treboada, tumbábase no chan e erguía as súas patas cara ao ceo.
-Por que fas iso? -preguntáballe un raposo.
-Para protexer a terra, que contén moitos seres vivos -contestou o pardal-. Se, por desgraza, o ceo caese de repente, daste conta do que ocorrería? Por iso levanto as miñas patas para sostelo.
-Coas túas febles patiñas queres soster o inmenso ceo? -preguntou o raposo.
-Aquí embaixo cada un ten o seu ceo -dixo o pardal-. Vaite, idiota, ti non o podes entender.

CONTO 4/ O SOÑO DA BOLBORETA.

Un home soña que é unha bolboreta. Voa con graza de flor en flor, abrindo e pechando as súas alasm sen o máis mínimo recordo da súa natureza humana. 
Cando esperta, dáse de conta con sorpresa de que é un home. Pero, e un home que acaba de soñar que é unha bolboreta? Ou unha bolboreta que soña que é un home?

CONTO 5 / A DIFÍCIL LOITA.

Un mestre zen, ao saber que un dos seus discípulos non comera nada en tres días, preguntóulle as razóns daquel xaxún.
-Tento loitar contra o meu eu -dixo o discípulo.
-É difícil -dixo o mestre desaprobando coa cabeza-. E aínda debe selo máis co estómago baleiro.